O compositor vigués Juan Durán ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes
O compositor Juan Durán (Vigo, 1960) pronunciou o pasado sábado día 23 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como novo académico numerario da Sección de Música. No acto, Durán falou sobre a canción como esencia pura da arte musical. “No meu catálogo de obras, o xénero vocal constitúe a substancia máis íntima da miña música”, dixo o autor de “ducias de cancións, cantatas e mesmo unha ópera”. Engadiu que “a voz cantada é algo que me acompañou sempre dende a miña orixe, xa que foron os meus pais cando se coñeceron no Teatro García Barbón de Vigo, no 1955, para cantar “La tabernera del puerto”, a afamada zarzuela de Sorozábal, os responsables do meu vínculo coa voz cantada”.
Na súa intervención o compositor puso de manifesto o “amor e respeto pola música en xeral e polo canto en particular”. Salientou que “as cancións presérvanse na memoria e transmítense por vía oral”. En relación a música galega, destacou que “en todas as épocas e estilos, está no mellor do noso patrimonio cultural”. Durán citou os nomes de Adalid, Montes, Chané ou Baldomir como referencia dunha música que nos distinge como pobo.
Na foto que ilustra esta noticia, Juan Durán pousa flanqueado polos membros do Cuarteto Novecento pouco antes de dar comezo o concerto que este grupo ofreceu para a Sociedade Filarmónica de Pontevedra o 11 de marzo de 2019. No programa do mesmo ofreceuse o seu Cuarteto de corda, xunto aos de José Arriola e Marcial del Adalid.
Felicidades maestro!